Thursday 02 de May de 2024

O concello mellorará a seguridade viaria no acceso ao parque de ocio de Castiñeiras cunha pasarela de madeira e unha beirarrúa


A actuación será executada pola brigada de obras antes do verán

Ao fío da conclusión comunicada onte do parque infantil de punta do Castro, o Concello de Riveira informa de que co fin de mellorar a accesibilidade e seguridade viaria a esta grande área de esparcemento de 5.000 metros cadrados efectuará antes do verán unha nova actuación consistente na construción dunha pasarela de madeira con pasamán seguida dunha beirarrúa no tramo que vai dende o porto de Castiñeiras ata o punto en cuestión.

Aínda que o vial que pasa por diante do parque de ocio ten titularidade da Deputación provincial (estrada DP 7307), a obra que se vai facer descorrerá por zona de competencia de Portos de Galicia e, neste senso, o Executivo fixo xa as oportunas xestións co ente público para poder levala a cabo.

Os traballos serán realizados pola brigada municipal de Obras.

Dende o Goberno Local dáse as grazas aos distintos grupos da Corporación pola súa sensibilidade con este tema.